O Diario Oficial da Unión Europea acaba de publicar o procedemento de contratación para a «Adquisición de servizos de conexión física de fibra óptica de puntos de interese no Municipio de Melgaço». A actuación prevé a instalación desta tecnoloxía en cinco das parroquias que o concello fronteirizo ten repartidas pola montaña: Castro Laboreiro; Gave; Cubalhão; Lamas de Mouro e Parada do Monte.
En 15 meses está previsto que conclúa a instalación e se inicien as primeiras probas. Os puntos elixidos para o despregamento comprenden lugares como a biblioteca municipal; os consellos parroquiais; os centros cívicos; as escolas… así como a habilitación de paneis dixitais de información. A finalidade desta iniciativa é pechar a «fenda dixital» da poboación; promovendo o acceso a servizos de comunicación en calquera zona. Tamén no outro lado da fronteira, en Arbo (Pontevedra), está a apostarse por un internet de alta velocidade.
Con iso, espérase que os veciños non abandonen o territorio, mesmo que novas familias se animen a teletraballar dende o rural; evitando a desertización do territorio e xerando novas propostas sociais. Xa en 2019 investíronse dous millóns de euros para que a fibra óptica chegase ao 75% das vivendas de Melgaço, e agora quérese afianzar o modelo.
O alcalde considera que estas novas tecnoloxías tamén contribuirán a atraer proxectos privados, propiciando máis postos de traballo e unha mellor calidade de vida. «O investimento en redes de comunicación de nova xeración e a oferta de servizos baseados en redes de banda ancha son cruciais para o desenvolvemento da economía e para incrementar a competitividade do territorio».