O Diario Oficial da Unión Europea acaba de publicar o procedemento de contratación para a «Adquisición de servizos de conexión física de fibra óptica de puntos de interese no Municipio de Melgaço». A actuación prevé a instalación desta tecnoloxía en cinco das parroquias que o concello fronteirizo ten repartidas pola montaña: Castro Laboreiro; Gave; Cubalhão; Lamas de Mouro e Parada do Monte.
Con iso, espérase que os veciños non abandonen o territorio, mesmo que novas familias se animen a teletraballar dende o rural; evitando a desertización do territorio e xerando novas propostas sociais. Xa en 2019 investíronse dous millóns de euros para que a fibra óptica chegase ao 75% das vivendas de Melgaço, e agora quérese afianzar o modelo.
O alcalde considera que estas novas tecnoloxías tamén contribuirán a atraer proxectos privados, propiciando máis postos de traballo e unha mellor calidade de vida. «O investimento en redes de comunicación de nova xeración e a oferta de servizos baseados en redes de banda ancha son cruciais para o desenvolvemento da economía e para incrementar a competitividade do territorio».