Os equipos de fútbol de Galicia e o Norte de Portugal disputarán a «Copa Gallaecia»

A Federación Galega de Fútbol e varias asociacións deportivas do Norte de Portugal acordan a celebración desta competición

Comparte el artículo:

A Real Federación Galega de Fútbol, representada polo seu presidente, Rafael Louzán, e polo seu vicepresidente, Fernando Iglesias, desprazouse ata a localidade portuguesa de Braga para asinar a celebración da «Copa Gallaecia». Un acordo que respondeu á invitación de varias asociacións de fútbol do Norte de Portugal; encabezada pola Asociación de Fútbol de Braga, xunto aos representantes das Asociacións de Fútbol de Oporto, Bragança, Vila Real e Viana do Castelo. A competición, na que participarán equipos de fútbol de Galicia e o Norte de Portugal, celebrarase entre os meses de setembro e outubro.

Os equipos femininos Sub-14 de Braga, Bragança, Oporto, Vila Real e Viana do Castelo xa están confirmados, pero os representantes galegos aínda están por definir. As partes xa convocaron outra xornada de traballo para o próximo 25 de febreiro en Oporto. O obxectivo e ir ampliando cada ano as categorías que participan neste evento.

Dende a Federación Galega de Fútbol destacan a gran amizade que existe na eurorrexión entre os diferentes organismos deportivos. Unha colaboración permanente que posibilita que moitas das instalacións da «Raia» sexan compartidas para adestramentos e competicións, como cando o Real Club Celta de Vigo prepara a súa tempada no Complexo Polideportivo de Melgaço.

Noticias Relacionadas