A Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (GNP-AECT) celebrou unha asemblea na súa sede de Vigo, coa presenza da directora xeral de Administración Local da Xunta de Galicia, Natalia Prieto; da vicepresidenta da Comisión de Coordinación de Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N), Célia Ramos, e do director e o subdirector da AECT da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, Nuno Almeida e Xosé Lago.
O tema central da sesión foi a aprobación do plan de traballo e o orzamento da AECT para 2023, tras o repaso das principais actividades desenvolvidas en 2022, como o peche dos proxectos do POCTEP 14-20, entre o que se encontra o proxecto Facendo Caminho (que logrou a consolidación dos Camiños a Santiago da eurorrexión).
A AECT acordou continuar co seu apoio á mobilidade académica (ampliando o programa Iacobus); impulsar a mobilidade xeográfica e a cooperación de proximidade, mantendo as reclamacións do Estatuto do Traballador Transfronteirizo e a mellora urxente das conexións ferroviarias; reforzar a cooperación entre as institucións de fronteira, como son as confederacións empresariais e sindicais e as eurocidades, entre outras; apoiar aos sectores mais puxantes da eurorrexión como a automoción, as renovables ou a biotecnoloxía mariña; dar un soporte permanente ás iniciativas culturais transfronteirizas, e a materialización dun Clúster de Turismo Transfronteirizo no 2023.