A Deputación de Ourense promove un centro transfronteirizo para a formación de actores

O obxectivo é crear unha institución de referencia que sitúe a Ourense como a «capital audiovisual» da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

Comparte el artículo:

A Deputación de Ourense impulsa un centro de formación de actores, que busca converterse nun gran polo profesional para Galicia e o Norte de Portugal. Este proxecto, que conta coa colaboración de Laconda Producciones e a Confederación Empresarial de Ourense (CEO), impartirá talleres intensivos de interpretación, os cales terán carácter bimensual.

Dende o goberno provincial ven esta proposta como unha gran oportunidade para situar a Ourense como «capital audiovisual», con proxección ibérica e internacional. Ademais, sinalaron que a nova conexión do AVE con Galicia potenciará á eurorrexión como un «un gran estudio de gravación». Tamén destacaron o Festival Internacional de Cinema de Ourense, que celebrou en setembro a súa 26º edición; sendo un evento consolidado no que cada ano son presentadas máis producións.

A inscripción estará aberta, tanto a novos artistas, como a profesionais en activo que desexen incrementar os seus coñecementos. O primeiro taller impartirase os días 26, 27 e 28 de novembro, e será dirixido por Rocío Gómez, coach de Nicole Kidman. Estará centrado na creación tridimensional do personaxe. Para poder participar deberase formalizar a asistencia no enderezo electrónico [email protected].