Asturias atópase en pleno debate sobre a reforma do seu estatuto de autonomía. A propósito da ocasión, a Real Academia Galega (RAG) enviou un informe ao Goberno de Asturias e aos grupos parlamentarios da comunidade no que defende a declaración da oficialidade do galego en igualdade de condicións co asturiano. Segundo o comunicado da institución, esta proposta está baseada na situación lingüística do occidente de Asturias, onde se fala galego. Isto implicaría un recoñecemento similar á lingua occitana en Cataluña.
Con esta nota, a RAG quere afastarse de calquera cuestión política, defendendo que do que se trata é de plasmar unha realidade cultural. A mesma situación sucede co galego en León e Zamora, así como no Norte de Portugal. A confluencia de linguas, sosteñen, é algo habitual en Europa.
Dende a Academia Galega non ven acertada a substitución do «galego-asturiano» (máis de 40.000 falantes) por «eo-naviego» na proposta de reforma estatutaria. O presidente do principado, Adrián Barbón, advertiu este martes de que ninguén lles dirá aos asturianos o que deben recoller no seu estatuto de autonomía.