A Asociación Galega de Marketing (Markea) e a Associação Portuguesa de Profissionais de Marketing (APPM) realizarán actividades conxuntas. Os presidentes de Markea, Xosé Luís Reza, e de APPM, Carlos Sá, mostráronse moi satisfeitos coa firma deste convenio de colaboración. Un acordo que subscribiron para potenciar a actividade económica nos dous territorios a través de plans estratéxicos e de investigación, así como para visibilizar aos profesionais do sector.
A firma do convenio produciuse nas adegas Martín Códax, en Cambados (Pontevedra). No evento tivo lugar unha masterclass por Carlos Sá, que explicou as particularidades do mercado portugués. Tamén aproveitou para animar aos profesionais a estreitar lazos e romper con épocas de distanciamento e descoñecemento mutuo. Ao finalizar a charla, os asistentes realizaron un paseo en catamarán polas Rías Baixas, amenizado con música en directo.
Este vínculo abre unha nova etapa nas relacións empresariais transfronteirizas. Aínda que xa se estaban realizando campañas a ambos os lados da «Raia», agora haberá maior coordinación; cunha progresiva visión internacional. A promoción dos activos ibéricos será un reto ao que deberán enfrontarse as empresas nun mundo cada vez máis complexo, competitivo e especializado.