O gañador da Edición de 2023 do Premio Literario Nortear de relato curto para mozos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal é o escritor e filólogo galego, Vicente Vázquez Vidal, co conto “Profundo sen nome”. Vázquez Vidal, de 31 anos, natural de Melide (A Coruña), recibiu a noticia “con emoción e sorpresa, non esperaba gañar”, explica. Confésase “dobremente feliz, porque a obra é unha homenaxe ao meu pai falecido. Foi el o que me inspirou”, afirma.
Un total de 40 mozos escritores da eurorrexión presentaron obras nesta 9ª edición de Nortear, unha iniciativa conxunta da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal; da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, e da Direção Regional de Cultura do Norte de Portugal. A obra gañadora recibe unha dotación económica de 3.000 euros e publicarase en galego e portugués, e tamén nun «e-book».
O xurado da edición 2023 do premio Nortear foi presidido por Gonzalo Constela, escritor e director da Escola Oficial de Idiomas de Santiago; Eva Mejuto, escritora, editora e xornalista; Ramón Nicolás, crítico literario e profesor da Universidade de Compostela e Ana Araujo, profesora do Ensino Secundario e Técnica Superior da Direção Regional de Cultura do Norte de Portugal. Todos eles destacan “a mestría do autor na construción da narrativa en todas as súas categorías, porque o conto posúe bo ritmo, linguaxe e estilo, que acompañan toda a estrutura interna da narrativa, con moita emotividade, onde a nostalxia por un tempo perdido, tras unha morte familiar (pai), capturan a atención do lector do inicio ao fin”.
Nortear é un exemplo destacado de espazo cultural único e compartido na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, con 9 edicións de éxito e 370 obras presentadas a concurso, por mozas e mozos, entre os 16 e 36 anos, dos dous territorios. Os oito gañadores das anteriores edicións foron: Lara Dopazo Ruibal; Rui Cerqueira Coelho; Cecília Santomé; Sara Brandão; Sabela Varela; Célia Fraga; Pedro Rodríguez Villar, e Marta Pais de Oliveira.
O proxecto Nortear é tamén un polo cultural de referencia en Europa no ámbito da Cooperación transfronteiriza. Está cofinanciado polo Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP).