«Allvenues» (www.allmusicvenues.com) é unha plataforma musical en liña impulsada por diferentes promotores culturais: A Melona (Santiago de Compostela), Maus Hábitos (Oporto) e A Macho Alfa (Barcelos). Nace en 2019, co obxectivo de promocionar eventos e lograr sinerxias entre os grupos artísticos da rexión transfronteiriza de Galicia e o Norte de Portugal. Uns movementos que pretenden facer converxer as escenas culturais da eurorrexión, que permaneceron independentes todos estes anos.
Con esta premisa, está a desenvolverse un ciclo de 24 concertos ata o 20 de novembro, a fin de dar a coñecer diferentes salas e lograr un contacto vivo entre o público e os artistas. En total, oito bandas ibéricas percorrerán once salas de dez cidades. Unha experiencia que busca unir ao sector musical portugués e galego.
Hugo Cunha, director do proxecto Allvenues, declarou ao periódico Jornal de Notícias que «A industria da música e as pequenas salas de concertos enfróntanse a maiores dificultades que nas zonas centrais de Europa. En lugares como Países Baixos as salas non dependen da venda de entradas, son apoiadas polos Estados e vistos como lugares de cultura. En Portugal e España non se ven da mesma maneira». Só coa confluencia de bandas, representantes culturais e uns seguidores comprometidos, afirma, será posible aumentar o potencial destes espazos. Dende a plataforma será posible comprar entradas e ir consultando a axenda musical.
No que respecta á programación, no mes de outubro, Tristany (PT) e Tulip (ES) actuaron o día 7 en Maus Hábitos (Oporto), o 8 no Café Rum By Mavy (Braga) e o 9 no Club Riquela (Santiago de Compostela). Pola súa banda, Conferencia Inferno (PT) e crnds (ES) actuaron o día 21 na Sala Karma (Pontevedra), o 22 no Café El Pueblo (Ourense) e o 23 no Café Avenida (Fafe). En novembro, Império Pacífico (PT) e Elba (ES) estarán o día 4 no Club Riquela (Santiago de Compostela), o día 5 en Sala Radar (Vigo) e o día 6 en GrETUA (Aveiro). Evols (PT) e Mounqup (ES) actuarán o día 18 en Sala Ruido (Ferrol), o día 19 en Carmo’81 (Viseu) e o día 20 en Maus Hábitos (Oporto).