Portugal impulsa unha sexta ponte sobre o Miño para conectarse coa maior área empresarial do noroeste de España

O proxecto consiste en prolongar a autovía A-28 dende Caminha e conectala coa Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves (PLISAN)

Comparte el artículo:

As Cámaras Municipais de Valença, Monção e Melgaço propoñen prolongar a autovía A-28 dende Caminha e crear unha nova ponte sobre o Miño conectada coa Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves (PLISAN). Esta é unha petición que viñeron reivindicando diferentes municipios do Norte de Portugal nos últimos anos, e onde xa se realizou un estudo de viabilidade e outro de impacto económico. O ministro de Infraestruturas luso, Pedro Nuno Santos, recibiu o proxecto, que se estima en 115 millóns de euros. Os rexedores insisten en que a súa construcción debería comezar canto antes, e o ministro mostrouse aberto a estudar a proposta.

Esta nova infraestrutura sobre o Miño vese determinante para a vinculación de Galicia e Portugal; situándose entre as pontes que xa unen Melgaço con Arbo, e Monção con Salvaterra. Segundo as estimacións da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte (CCDR- N), xeraría un beneficio de 120 millóns de euros no PIB da rexión.

A conexión de Portugal coa PLISAN, que é a maior área empresarial do noroeste de España, permitiría multiplicar as oportunidades económicas na eurorrexión. De feito, en Melgaço estase a negociar a implantación dunha multinacional norteamericana do sector do automóbil.

O Alto Minho (Portugal) experimentou un importante desenvolvemento empresarial nos últimos anos coa construción de novos parques empresariais. A mellora e creación de infraestruturas transfronteirizas é prioritaria para os gobernos municipais nestas zonas, cuxa aposta é seguir «difuminando a fronteira».

Noticias Relacionadas