Transfronteiriza

Comparte el artículo:

Toda historia ten un principio, é a miña comeza na fronteira. De pai portugués e nai hispano – brasileira (por ser filla de pais galegos emigrantes no Río de Janeiro) a nosa historia atravesa fronteiras.

Nun día de agosto, do lado portugués, Antonio ve por primeira vez a María na festa de Santa Rita de Ganfei. Ela non se lembra. Unhas semanas máis tarde, volveran coincidir na única discoteca da contorna, a famosa Magnolia, desta vez da banda galega. Fixo o que puido para non caer no esquecemento coma a vez anterior.

Seguiron o calendario transfronteirizo das festas patronais. Non perderon unha. E que máis alá de namorados, ser raianos, supoñía máis esforzo. Algunhas veces, Antonio deixándose levar polos ritmos latinos das orquestas españolas (pois prefería as festas do outro lado por seren máis animadas) chegaba tarde a fronteira que cerraba a media noite.

E pedía que lle deixasen pasar, pois era fillo do sarxento Vilarinho da Guarda Fiscal. E máis importante, era bo mozo. E ao amor non se lle deberían por fronteiras. Algunha vez, aínda así, tivo que dormir nun palleiro.

Despois das festas aquí e alá, chegou o momento do compromiso. Os meus avós portugueses preguntaron aos seus parentes galegos (porque todos estamos mesturados) se María era boa moza. O que en galego se traduciría pola interrogación: ¿E ela de quen vén sendo?

Feitas as comprobacións oportunas deron o si na aldea de retorno de María, na parroquia de San Mamede de Guillarei, en Tui. A lúa de mel foi do outro lado da fronteira, facendo a mudanza para Valença do Minho, pois alí como Guarda Fiscal que se fixera como o pai, Antonio, tiña dereito a unha residencia.

E ninguén sabe exactamente onde fun procreada, pero se hai naturalidade que científicamente se lle aproxime é a raia. Porén a miña naturalidade é española, pois a miña nai quixo que lle asistise o seu médico de confinza no Hospital Xeral de Vigo. Vaia, que xa me deron traballo ao nacer. Aos poucos días de estar na incubadora e ver a luz por primeira vez en Galicia, atravesei a fronteira para chegar a casa por aquel entón en Portugal.

Non vos quero marear xeográficamente, pero si reivindicar en nome de moitos esta elástica fronteira, pedíndolle a expresión poética prestada a Florencio Delgado Gurriarán. Por favor, non nos pidan que nos definamos cun só xentilicio. Porque non hai palabra que abarque tanto. Que non nos obriguen a escoller. Tardei moitos anos en quitarme esa frase: son medio española, medio portuguesa. En tal caso, son raiana, son mista, son ibérica.

Diana Gonçalves Domínguez

Relato lido públicamente como parte do discurso de agradecemento ao nombramento de Xuíza honorario do Couto Mixto 2022 na Igrexa de Santiago de Rubiás, Ourense, no 2 de xullo de 2022.

Noticias Relacionadas