O Premio Literario «Nortear» busca o mellor relato de ficción da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

O concurso ten como obxectivo incentivar a creatividade literaria e artística entre os escritores máis novos, residentes en Galicia e no Norte de Portugal

Comparte el artículo:

«Nortear» é un proxecto europeo de intercambio cultural para a promoción da creación artística. Ten como obxectivo aumentar a circulación da cultura e lograr crear redes colaborativas por medio de actividades. Unha delas é o Premio Literario Nortear, que busca apoiar a creatividade literaria dos mozos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Unha iniciativa asinada como resultado da colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, a Direção Regional de Cultura do Norte (Portugal) e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal.

Na 7ª edición desde premio, o regulamento contempla que poderán presentarse mozos da rexión Norte de Portugal e de Galicia, de entre 16 e 36 anos. O premio está aberto a obras literarias encadradas no xénero narrativo, subxénero conto, e únicamente aceptaranse obras orixinais e inéditas, escritas en lingua portuguesa ou lingua galega. O importe de premio é de 3.000 euros. Tamén se editarán ata 500 exemplares da obra premiada, en edición bilingüe. As bases e a presentación de candidaturas realizaranse de forma online ata o día 30 de xuño de 2021 (23:59 hora española).

Nortear foi distinguido en 2019 como o «Mellor Proxecto de Cooperación Transfronteiriza», no marco do galardón europeo «Sail of Papenburg», promovido pola Asociación das Rexións Fronteirizas de Europa (ARFE).

«Diálogos na fronteira»

O AECT da Eurorrexión organizou o día 21 de xuño unha nova edición dos «Diálogos na Fronteira», dedicado á cultura fronteiriza. Púxose en valor o programa Nortear (con 30 actividades en seis anos). Anxo M. Lorenzo Suárez, secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia resaltou a importancia de atraer público e reforzar o financiamento para impulsar o sector. Laura Castro, directora rexional de Cultura do Norte, destacou que a fronteira entre Galicia e o Norte de Portugal conta cun gran movemento en todos os niveis.

Noticias Relacionadas