A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou a Oficina Municipal Xuvenil (OMIX) de Ribadavia para coñecer de primeira man as experiencias da mocidade no marco do programa «Erasmus+». Durante a súa visita, Pichel tivo a oportunidade de escoitar os proxectos nos que está involucrada a xuventude de Ribadavia, destacando a súa colaboración activa e o seu compromiso coa educación e a cultura.
Unha das iniciativas máis destacadas nas que participa o CEIP Plurilingüe de Ribadavia é o proxecto europeo chamado «Entre o mar e as montañas». Un proxecto que mestura métodos de educación formal con métodos de educación non formal, e que ten como obxectivo conectar ao alumnado de educación primaria co país veciño, Portugal. A iniciativa busca fomentar o intercambio cultural e a aprendizaxe mutua entre os estudantes de ambos os lados da fronteira.
Ademais, as persoas voluntarias do Corpo Europeo de Solidariedade en Ribadavia compartiron as súas experiencias apoiando a comunidade local e colaborando co persoal técnico do Concello nas áreas de xuventude e cultura. Tamén se destacou a participación de mozos e mozas no Curso de Formación Internacional sobre liderado creativo no traballo xuvenil, que se celebrará este ano en Eslovenia.