A Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) síntese orgullosa das coproducións audiovisuais que Galicia e Portugal realizaron nos últimos anos. Rosa Vilas, subdirectora xeral da CRTVG, participou en ONSeries Lisboa, un evento internacional ao que asistenten canles, axentes, investidores, produtores… e no que defendeu a fortaleza da industria audiovisual galega e portuguesa, tanto polo seu amplo mercado, como polos recursos que teñen dispoñibles.
Fernando R. Ojea, director de contidos da CRTVG; e Montse Besada, xefa de contidos, tamén estiveron presentes en MINIPUT (Barcelona). Un evento que se celebra dende 1994, e no que se valorou o papel das series no formato audiovisual actual, coa aparición de novas plataformas. Alí, os representantes da CRTVG destacaron a conexión que as producións teñen que ter co público, a fin de asegurarse un espazo no mundo tan globalizado e cambiante no que vivimos.
A estratexia de internacionalización e defensa das canles rexionais que está a levar a cabo a CRTVG está a materializarse cos éxitos das series «Auga seca», «Vidago Palace» e «Sen fronteiras» (colaboracións coa Radio e Televisión de Portugal). Ademais de seguir nesta senda, outras medidas que xa se baraxan, e que axudarían a integrar as comunidades galega e portuguesa, serían a emisión das canles de televisión en ambos os lados da frontera e a retransmisión de programas simultáneos.