O proxecto «Acuaenergy» é unha iniciativa para a mellora da competitividade e sustentabilidade dos cultivos acuícolas de Galicia e do Norte de Portugal a través da eficiencia enerxética. Forma parte do «Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020», cun orzamento de 737.685,38 €. Neste contexto, a directora xeral de Pesca, Mercedes Rodríguez, e a súa homóloga de Calidade Ambiental, Sagrario Pérez, asistiron a un encontro dixital para valorar os avances que se obtiveron, en ambos territorios.
Na reunión que os promotores de Acuaenergy tiveron cós representantes institucionais, explicáronse os resultados que as auditorías arroxaron grazas á instalación de novos prototipos (un sistema de microturbina e outro de xeración fotovoltaica) e ás accións formativas (coa participación de máis de 200 persoas).
A importancia deste proxecto, que foi avalado pola Xunta e liderado polo Centro Tecnolóxico do Clúster da Acuicultura (CETGA), radica en que se pode aforrar un 30% do consumo enerxético anual; isto é, reducir unhas 9.900 toneladas de gases de efecto invernadoiro. Así mesmo, tamén se lograría o aforro máis de dous millóns de euros ao ano para a eurorrexión grazas á redución de custes operativos.
A cooperación transfronteiriza atlántica é esencial nos traballos levados a cabo neste proxecto. Entre os diferentes expertos, galegos e portugueses, buscan a aplicación de novos modelos de xestión e produción para asentar a pequenas e medianas empresas; a xeración de redes de traballo ibéricas, así como a internalización de produtos con denominación de orixe. Ademais, esta iniciativa vai en liña coa estratexia de cambio climático e enerxía 2050 de cara á neutralidade climática, e no que respecta aos plans marítimos europeos de calidade ambiental.