A Xunta de Galicia e o Instituto da Conservação da Natureza e das Florestas de Portugal colaborarán no desenvolvemento de proxectos de acción ambiental e fomento do ecoturismo na Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, no marco do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP). Así se anunciou durante a presentación da Estratexia de Desenvolvemento Territorial EGEXUR 2025-2030 en Bande (Ourense).
A estratexia EGEXUR marcará as liñas de actuación prioritarias para a conservación da biodiversidade, a xestión sostible do territorio e o intercambio de coñecemento, e permitirá acceder a fondos europeos por valor de máis de 30 millóns de euros para áreas transfronteirizas como esta, que abarca preto de 260.000 hectáreas (máis de 63.000 en territorio galego). Trátase dunha das tres reservas de biosfera compartidas entre España e Portugal, destacada pola súa riqueza ecolóxica e dimensión territorial.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático sinalou que a gran aposta da Xunta será a restauración de ecosistemas, cun enfoque especial na recuperación de bosques de rebolo, humidais, terreos naturais e seminaturais, así como na conservación de turbeiras e eliminación de especies exóticas invasoras. Ademais, salientou que estas accións ambientais deben ir acompañadas de proxectos de desenvolvemento económico sostible, poñendo en valor a cooperación entre os once concellos da reserva (seis galegos e cinco portugueses), a Deputación de Ourense e as institucións portuguesas para garantir a protección dos espazos naturais e promover oportunidades que fixen poboación no rural.