A presidenta do Grupo Rede Eléctrica de España (REE), Beatriz Corredor, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reuníronse en Santiago de Compostela para analizar o proceso de transición ecolóxica en Galicia. Unha reunión na que se destacou o investimento de 98 millóns de euros que se produciu no período 2016-2021, e que se elevará a 124 millóns ata 2025, a fin finalizar a integración do Mercado Ibérico da Electricidade.
Un encontro ao que tamén asistiu o vicepresidente de Economía da Xunta, Francisco Conde, e o conselleiro delegado de REE, Roberto García Merino, onde destacaron o éxito dos proxectos renovables en Galicia. Segundo datos de Rede Eléctrica, ata agosto de 2021 as renovables produciron o 76,6 % da electricidade galega; sendo a hidráulica e a eólica as dúas principais fontes de xeración. De feito, Galicia é a segunda comunidade autónoma con maior produción de enerxía renovable, só despois de Castela e León.
Portugal, un aliado estratéxico
O proxecto máis relevante é a interconexión que unirá a Galicia co Norte de Portugal, cun investimento total de 55 millóns de euros. Unha infraestrutura que aínda ten que recibir a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, pero cuxo servizo se espera para finais de 2023. Esta actuación permitirá incrementar notablemente a capacidade de intercambio entre ambos os países.
Dende o executivo galego e REE teñen claro que a construción destas infraestruturas supoñerá un impacto positivo no desenvolvemento económico e social do territorio. Con todo, Feijóo trasladou aos representantes de Rede Eléctrica a urxencia de acometer a alta tensión na subestación de Vigo (Stellantis necesita modificar a tensión de 110 a 220 kV), así como a atención dos novos proxectos que se poidan desenvolver no porto exterior da Coruña.