O Festival de Eurovisión 2022 está a ser moi especial para Galicia. Se a candidatura de Tanxugueiras para representar a España mobilizou a toda a sociedade galega, agora a TVG adquiriu os dereitos da nova edición do Festival da Canção 2022. Un evento musical (dende 1964) no que se escolle o tema que representará a Portugal en Eurovisión, e no que este ano hai 20 artistas seleccionados. A compra púidose realizar grazas ao acordo asinado no ano 2013 entre a Radio e Televisión de Portugal e a TVG, que leva anos permitindo o intercambio de contidos entre as dúas entidades.
O certame portugués terá tres galas, con dúas semifinais o días 5 e 7 de marzo; e a gran final, que se celebrará o sábado 12 de marzo. A Televisión de Galicia emitirá na plataforma Twitch as semifinais. Dúas galas que serán presentados por Esther Estévez e Rodrigo Paganelli, ambos coñecidos polo streaming «DígochoEu», no que realizan o #ApuntamentoLusófono, unha conversación semanal no que ela trata de aprender portugués e el galego. A final poderá verse na TVG2. RTVE e TEN tamén retrasmitirán o evento.
Esta nova colaboración reforza o vínculo que a TVG mantén coa televisión portuguesa. As coproducións e as emisións conxuntas empezan a ser unha práctica habitual entre elas, con presentadores e actores participando para ambas as audiencias. Isto, ademais de facilitar a intercomprensión entre linguas, axuda a normalizar unha concepción audiovisual ibérica; posibilitando, nun futuro, unha emisión común en toda a península (eliminando as barreiras administrativas existentes).