A Cidade da Cultura de Galicia acollerá os días 20 e 21 de novembro a 25ª edición do Congreso Internacional Galicia-Norte de Portugal de Formación para o Traballo, baixo o lema “Formación dual e emprego: novos retos, novos escenarios”. A cita, de carácter anual e con sede alterna entre Galicia e o Norte de Portugal, sitúase como foro de referencia na Eurorrexión en políticas de cualificación e inserción laboral.
A formación dual será o eixo central do encontro pola súa capacidade para tender pontes reais entre as aulas e as empresas dos dous territorios, impulsando competencias técnicas, persoais e transversais directamente vinculadas ao exercicio profesional. Este enfoque favorece a empregabilidade, ao tempo que abre itinerarios compartidos de mobilidade estudantil e profesional no espazo ibérico.
O programa inclúe mesas redondas, paneis temáticos, comunicacións científicas, actividades de traballo en rede e espazos de innovación, co obxectivo de sumar boas prácticas e promover alianzas estratéxicas entre os axentes da formación e do emprego na Eurorrexión. Organizado polo Grupo GEFIL da USC, o Instituto do Emprego e Formación Profesional de Portugal e a Universidade do Porto, o congreso desenvolverase en formato presencial e virtual.
Máis información: https://25.congresogalicianortedeportugal.es/


