Tomiño converterase este setembro no epicentro da historia viva coa posta en marcha do I Campo de Voluntariado centrado na Guerra da Restauraçom entre Galicia e Portugal. A iniciativa, dirixida a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, ofrece a oportunidade de participar na escavación dunha fortaleza do século XVII, soterrada no sitio de As Torres. O obxectivo é recuperar a memoria dunha época na que galegos e portugueses deixaron de ser irmáns para se converteren en inimigos nun conflito que marcou a fronteira do Miño.
Durante oito días, do 8 ao 16 de setembro, as persoas voluntarias realizarán traballos arqueolóxicos, limpeza do terreo, catalogación dos achados e actividades de recuperación da memoria oral. Ademais, formaranse en comunicación, redes sociais e creación de podcasts, navegarán polo río Miño e visitarán fortificacións históricas a ambos lados da fronteira. O programa, impulsado pola Comunidade de Montes de Taborda, a Universidade do Minho e a USC, conta co apoio da Xunta de Galicia; e busca conxugar patrimonio, mocidade e divulgación.
A experiencia completarase coas “barferencias” – charlas informais en bares de Tomiño – e obradoiros sobre historia, etnografía e paisaxes bélicas. Todo isto enmarcado na semana grande do concello. Só hai 15 prazas dispoñibles para esta experiencia única entre a historia, a natureza e a convivencia.