A AECT Galicia-Norte de Portugal entregará o premio «Talento Eurorrexión 2024» o próximo 20 de xullo na antiga ponte internacional sobre o río Miño. Este premio busca recoñecer e promover o talento creativo dos emprendedores culturais da eurorrexión; fomentando o intercambio cultural transfronteirizo.
A iniciativa desenvólvese en colaboración co IKFEM Festival, o que permite potenciar o impacto do premio e valorar o talento de artistas emerxentes da zona. Os e as artistas interesados en participar teñen ata o 7 de xullo para inscribirse e presentar os seus proxectos.
A cerimonia de premiación, que incluirá a entrega dunha escultura da recoñecida artista galega CH Sueiro, celebrarase nun evento que promete ser un punto de encontro cultural significativo entre Galicia e o Norte de Portugal.
O «Talento Eurorrexión» é unha nova iniciativa desenvolvida no ámbito do consolidado proxecto de intercambio cultural «Nortear», cofinanciado por INTERREG VI-A POCTEP, no marco da Candidatura NORTEAR GNP 1E.