A Fundación Rosalía de Castro de Padrón foi o escenario do «1º Encontro de Mulleres Escritoras da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal». Unha conversa sobre as mulleres escritoras da Eurorrexión con dúas escritoras especializadas na figura de Rosalía de Castro, a galega María López Sández, e a portuguesa Isabel Cristina Mateus, moderadas polo presidente da Fundación, Anxo Angueira.
O evento contou coa presenza de destacados representantes culturais de ambos lados da «Raia», como o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, e João Ribeiro da Silva, xefe da «Divisão de Programação e Promoção Cultural da CCDR-Norte». Un acto no que se buscou potenciar a colaboración cultural transfronteiriza.
As «Conversas Nortear» son parte dunha iniciativa máis ampla para promover a circulación e recoñecemento das expresións culturais dentro da Eurorrexión. Este proxecto destaca a importancia de desenvolver redes de colaboración entre Galicia e o Norte de Portugal, apoiando así a creación dun tecido cultural forte e integrado.