A Xunta de Galicia anima a participar no novo «Programa de Cooperación Transfronteiriza entre España e Portugal 2021-2027»

A nova convocatoria do POCTEP converterase no maior programa de cooperación transfronteiriza da Unión Europea

Comparte el artículo:

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo, instou aos distintos departamentos do Goberno galego a traballar en proxectos conxuntos con socios portugueses no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, e así presentalos xa ás primeiras convocatorias do novo Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.

A Comisión Europea aprobou o pasado agosto a nova convocatoria do POCTEP, que terá unha dotación superior aos 427 millóns de euros, un 11 % máis que o actual, converténdose no maior programa de cooperación transfronteiriza da Unión Europea. O obxectivo é conseguir unha Europa máis intelixente, máis verde, máis social e máis próxima á cidadanía.

Nestes marcos de acción, as prioridades son a consolidación dun sistema de innovación científica e tecnolóxica, o aproveitamento dos recursos endóxenos do territorio, a transición ecolóxica e a adaptación ao cambio climático. Xunto a estas, apóstase tamén de xeito prioritario pola protección da biodiversidade, a cooperación para afrontar o reto demográfico, o desenvolvemento de estratexias multisectoriais, e a mellora da gobernanza multinivel. Na nova edición darase especial importancia á promoción do emprego e da educación, así como axudas específicas a proxectos pequenos que con anterioridade non lograban entrar a beneficiarse do programa.

Hai moito traballo adiantado, xa que se desenvolveron dous importantes documentos de planificación da prioridade dos investimentos do POCTEP; isto é, o Plan de Investimentos Conxuntos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal 21-27 (PIC), e a Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza (RIS3T). Os días 16 e 17 novembro celebrarase o seminario de lanzamento do «POCTEP 2021-2027» no Centro de Exposicións e Congresos da cidade de Ayamonte.

85 proxectos no programa anterior 

A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal foi primeira da Unión Europea en planificar de forma coordinada os seus investimentos. No anterior POCTEP a Xunta participou no impulso de 85 proxectos que permitiron captar 163 M€ de investimento. Algunhas das iniciativas destacadas foron  a resposta conxunta na xestión e coordinación das incidencias a ambos lados da raia a través do ARIEM+ ou na defensa dos incendios forestais na fronteira co proxecto Interlumes, mellorando a resposta na extinción de lumes coa creación da primeira base de avións fronteiriza. Tamén proxectos como Manufactur 4.0 orientado a implantar a industria 4.0 no sector naval, ou Iberos ou Nutriage, que recorren ás novas tecnoloxías para melloras no ámbito da alimentación.

Noticias Relacionadas