A Universidade do Minho recibiu en Braga aos reitores das universidades de Vigo, A Coruña, Santiago, Oporto e Trás os Montes e Alto Douro para celebrar o 2º Seminario para Altos Cargos Universitarios, no que colaboran as seis universidades públicas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Esta iniciativa, organizada polo CER (Centro de Estudos Rexional) para impulsar a colaboración interuniversitaria, está integrada no proxecto UNISF (Universidade sem Fronteiras), e busca mellorar a mobilidade dos estudantes, impulsar a investigación e harmonizar progresivamente os sistemas educativos.
O acto tamén contou coa presenza da Agrupación Europea de Cooperación Territorial e do presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal, António Cunha, entre outras institucións . Os reitores das seis universidades valoraron a posibilidade crear titulacións transfronteirizas e salientaron a importancia das bolsas de investigación, como o programa Iacobus, con estancias en universidades ou centros tecnolóxicos a ambos os dous lados da «Raia». Ademais, fixeron fincapé na promoción interuniversitaria como paso necesario para crear un polo de atracción de talento, a fin de dinamizar as aulas, que poden verse afectadas no futuro pola crise demográfica.
Unha das principais problemáticas que se puxeron sobre a mesa foi a necesidade do recoñecemento das titulacións académicas a ambos os lados da fronteira, e a aceleración da internalización universitaria; aproveitando o dinamismo da eurorrexión luso-galaica, con tres idiomas e multitude de proxectos de innovación activos. Polo momento, asegurouse o lanzamento de catro «ciclos de estudo innovadores, cooperativos e creativos, cun claro compoñente transfronteirizo e multidisciplinar e de competencias transversais» (matemáticas, dereito, tecnoloxía e empresa, e ciencias sociais e envellecemento).