A creación dun carné transfronteirizo entre Galicia e Portugal segue sendo unha cuestión pendente. Os gobernos de España e Portugal comprometéronse en 2020 a tomar medidas para favorecer a circulación de persoas, e así solucionar os posibles problemas nas fronteiras, como ocorreu durante os peches nacionais na pandemia. Destas reunións saíra a proposta de creación dun «carné de identidade transfronteiriza» do que aínda non se sabe nada. Por iso, o Bloque Nacionalista Galego acaba de rexistrar no Congreso unha iniciativa para coñecer o estado no que se atopa a tramitación deste documento.
Esta reivindicación vén realizándose dende o primeiro confinamento, tanto polos concellos galegos como polas cámaras portuguesas, así como pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial do río Miño. O denominado «carné transfronteirizo» sería unha tarxeta de identidade común para garantir a libre circulación de persoas entre Galicia e Portugal; tamén en situacións de restrición da mobilidade. A acreditación estaría destinada a todas as persoas que, por razóns laborais, de estudos ou por outros motivos que aínda están por taxar, teñan que cruzar a fronteira cada día.
Dende diversos colectivos sociais e políticos temen que finalmente os ministerios de Traballo de ambos os países limiten a proposta e aproben soamente un «Estatuto do traballador transfronteirizo». Isto, argumentan, podería deixar fora a moitas persoas. Cunhas eurociudades en constante crecemento e con economías cada vez máis unificadas, as trabas á mobilidade son insostibles. Dende EL TRAPEZIO xa publicamos en decembro de 2020 a vontade que existe en Galicia respecto desta medida, que é vista como algo natural e urxente.