A Xunta de Galicia presenta en Fitur a campaña «7 días, 7 parques»

As persoas que visiten o Parque Nacional das Illas Atlánticas e os seis parques naturais de Galicia recibirán un premio

Comparte el artículo:

A Xunta de Galicia presentou en Fitur a campaña «7 días, 7 parques». A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; xunto á directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, puxeron en valor os parques naturais da comunidade. Anunciaron que os 20 primeiros que visiten antes do 30 de setembro o Parque Nacional das Illas Atlánticas e os seis parques naturais galegos (sete destinos en total), serán recompensados cunha fin de semana para dúas persoas nun establecemento desas zonas.

Temos que ter en conta que Galicia conta con 58.000 hectáreas de parques naturais e con máis de 400 quilómetros de sendeiros. Tamén son sete as reservas da biosfera que ten declaradas a comunidade (tras o nomeamento da Ribeira Sacra). Os seis parques naturais son as Fragas do Eume; o Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán; Monte Aloia; Serra da Enciña da Lastra; O Invernadeiro (a visita require cita previa), e Baixa Limia-Serra do Xurés, así como o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas (a visita tamén require cita previa).

Para completar este reto hai que acudir (en calquera dos parques) a o centro de visitantes e solicitar o pasaporte da campaña, que irá acompañado de material informativo. O persoal de cada parque encargarase de selar a visita. Unha vez completado o itinerario de todos os parques, debe enviarse o pasaporte por correo electrónico para que a Consellería de Medio Ambiente o certifique e outorgue o premio.

As Illas Cíes, referente internacional

Recentemente, The New York Times incluíu ao arquipélago das Illas Cíes na súa listaxe de mellores destinos do mundo; destacando a súa gran biodiversidade mariña e o seu gran número de colonias de aves. É un paso máis, apuntan dende o Concello Vigo, para o recoñecemento deste espazo singular como Patrimonio da Humanidade.

Noticias Relacionadas