O ministro de Educación de Portugal, o Doutor Tiago Brandão Rodrigues, visitou a Oficina de Coordinación EURES da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Unha visita na que se reuniu con diferentes representantes sociais, a fin de coñecer o traballo das entidades transfronteirizas na mellora da mobilidade raiana; e onde encomiou o labor que se está a levar a cabo na eurorrexión.
EURES (EURopean Employment Services) é unha rede de cooperación para o emprego e para a libre circulación de persoas (un dos principios da Unión Europea). Esta iniciativa, que parte de EaSI, o programa da UE para o emprego e a innovación social, presta axuda financeira a diversas asociacións transfronteirizas. O seu obxectivo é facilitar aos cidadáns, especialmente aos traballadores e empresarios, a libre circulación na fronteira. Para iso, préstase asesoramento laboral, así como información sobre o mercado e as condicións de vida de cada país.
Recordemos que as rexións con fronteiras internas na UE supoñen o 40 % do territorio comunitario, con preto de dous millóns de traballadores transfronteirizos. Isto implica que moitos cidadáns teñan que tratar con diferentes normas xurídicas; de fiscalidade; de seguridade social… Ademais, os medios de transporte nestas zonas adoitan estar menos desenvolvidos.
Portal EURES Galicia-Norte de Portugal para a busca de emprego ou contratación: https://www.eures-norteportugal-galicia.org/