O Premio Literario Nortear 2025 abre o seu prazo de participación para autores e autoras de entre 16 e 36 anos, residentes na Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal. O certame busca recoñecer obras orixinais e inéditas en galego ou portugués cunha extensión de entre 5.000 e 8.000 palabras. A persoa gañadora recibirá un premio económico de 3.000 euros e verá publicada a súa obra en ambas linguas. As candidaturas poden presentarse ata o 30 de xuño a través da web da plataforma Nortear.
Este galardón é unha iniciativa conxunta da Xunta de Galicia -a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude-, da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Galicia–Norte de Portugal e da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte (CCDR-Norte I.P.). Está cofinanciado pola Unión Europea a través do programa INTERREG 2021–2027 (POCTEP), co obxectivo de fortalecer o espazo cultural compartido e fomentar o intercambio literario entre Galicia e o Norte de Portugal.
Dende a súa creación, o Premio Nortear converteuse nunha plataforma de lanzamento para novos talentos literarios da Eurorrexión, con preto de 450 obras presentadas nas súas edicións anteriores. O certame busca non só impulsar a creatividade, senón tamén favorecer a circulación das obras entre ambos territorios, promovendo o coñecemento mutuo das culturas galega e portuguesa.