O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou na preestrea do documental «Galegos D’Oro», en compañía do presidente da Comisión e Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte (CCDR-Norte), António Cunha. Esta coprodución foi o resultado do traballo conxunto da RTP e a TVG, co apoio da CCDR-Norte.
A presentación tivo lugar no Teatrinho Da Régua, e parte dos actos do Día Internacional dos Monumentos e Sitios declarado pola Unesco Patrimonio Cultural e do 20 aniversario do Douro Vinhateiro como paisaxe cultural. Un evento organizado pola CCDR-NORTE e a Dirección Rexional de Cultura do Norte, coa colaboración da Fundação Museu do Douro, da Liga dos Amigos do Douro Património Mundial e da Câmara Municipal Peso da Régua.
O documental recrea a historia de vida dos galegos na Rexión Demarcada do Douro. Unha produción que pon o acento no esforzo e dedicación na estruturación do territorio de viñedos de montaña e a paisaxe cultural desta zona. Galegos emigrados que, co seu traballo e valía sacaron as súas familias adiante, e mesmo chegaron a dar nome a recoñecidas marcas de viño.
No evento, ademais desta sentida homenaxe, púxose en valor a conservación do patrimonio e o mantemento sostible do territorio. Tamén se destacou que o auxe da oferta turística e gastronómica no territorio vitícola transfronteirizo, unido aos obxectivos de economía verde farán posible o desenvolvemento de novos proxectos conxuntos entre zonas vinícolas de Galicia e o Norte de Portugal.