O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu á presentación do proxecto «Xacobeo Transfer», o novo servizo de turismo náutico sostible habilitado no Baixo Miño para conectar A Guarda coa localidade portuguesa de Caminha. Unha iniciativa que permitirá un transporte rápido e cómodo para veciños, turistas e peregrinos do Camiño Portugués da Costa. Estas viaxes realizaranse a través de dúas embarcacións, unha delas eléctrica, que unirán os portos dos dous municipios. O proxecto é posible grazas ó convenio asinado entre Turismo de Galicia e a Asociación Galega de Actividades Náuticas (Agan+), que se fará cargo do transporte.
Esta nova conexión permitirá mellorar as comunicación entre Galicia e o Norte de Portugal, o que se traducirá, segundo os promotores, en maior riqueza e emprego. «O novo servizo facilita e promove o Camiño de Santiago seguindo o itinerario que parte do Porto e pasa por Esposende, Viana do Castelo e Caminha, e que entra en Galicia pola Guarda, pasando por Baiona e Vigo ata unirse co Camiño Portugués en Redondela».
A Xunta de Galicia sinalou nun camunicado que o proxecto complétase con melloras no porto da Guarda, así como na sinalización do roteiro xacobeo e dos servizos habilitados na zona. Todo isto, dentro dun plan de potenciación do Baixo Miño, onde tamén se poñerán en marcha roteiros de sendeirismo e itinerarios turísticos con medios de transporte sostible.
O servizo náutico realizará un total de 14 viaxes diarios; saíndo de 8:00 a 11:00, e de 17:00 a 19:00 dende A Guarda nas horas en punto; e dende Caminha entre as 8:30 e as 11:30, e as 17:30 e as 19:30 nas horas e media. A viaxe ten un custo de seis euros e unha duración aproximada de 20 minutos.