Expertos de Galicia e Portugal debaterán sobre o futuro turístico do río Miño

A xornada celebrarase o 3 de maio na sede do Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo

Comparte el artículo:

O Centro Tecnolóxico do Mar (Vigo) acolle o día 3 de maio o seminario «Turismo nas augas internacionais do río Miño: reflexións cara a unha transición sostible», enmarcado no proxecto Atlazul. Nesta xornada, expertos de Galicia e Portugal, relacionados cos ámbitos da Administración, da universidade e de diferentes asociacións e entidades do mundo da pesca e do turismo, debaterán sobre o futuro desta zona fluvial.

O seminario, organizado pola Fundación CETMAR, iniciarase ás 09:30 horas coa intervención de Nava Castro, directora de Turismo de Galicia. Os participantes reflexionarán sobre modelos de turismo responsable e as novas oportunidades que se xeran para a poboación local. En concreto, sobre o tipo de turismo necesario na contorna do río Miño, o cal é un motor da economía na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, cun carácter cada vez máis internacional.

Proxecto Atlazul

O proxecto Atlazul está financiado polo programa Interreg de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal e nel participan 11 entidades españolas e sete portuguesas. O obxectivo é impulsar a economía azul (ámbitos da pesca, a acuicultura, o turismo costeiro e a biotecnoloxía) nas rexións de Galicia, Andalucía, o Algarve e o Alentejo.

Noticias Relacionadas