Os «III Encontros Troyanos en Compostela» reuniron o sábado día 9 a tunas veteranas das Universidades de Santiago, Oporto e Salamanca. Un evento organizado polo «Museo Casa de la Troya», que converteu a Santiago na «capital mundial da tuna»; con actuacións dende os balcóns do Casco Vello e o «Festival dos Camiños» no Auditorio Abanca. Tamén se fixo entrega das bolsas dos Tunos Decanos de Iberoamérica.
Esta iniciativa enmárcase dentro do proxecto «Roteiros de Compostela: do Pórtico da Gloria á Casa de la Troya». Nela participaron catro agrupacións: Troyanos de Compostela; a Tuna de Veteranos da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago; a Real Asociación de Antigos Tunos da Universidade de Salamanca, e a Tuna Veterana da Universidade Portucalense.
O evento desenvolveuse tendo como fío condutor o Camiño de Santiago; involucrando a entidades culturais do Camiño Portugués e da Vía da Prata. Unha xornada na que participaron tamén membros da comunidade universitaria, turistas e veciños da capital galega.