A Asociación Cultural e Pedagóxica «Ponte… nas ondas!» organizou a 12ª edición do Día Mundial da Radio. Un evento que se desenvolveu en diferentes radios e centros de ensino de toda Galicia e Norte de Portugal, e que reforza o proxecto «Ponte… nas ondas!», recoñecido pola Unesco como «modelo de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial».
Os centros emisores da programación foron a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), o Edificio Miralles da Universidade de Vigo (UVigo) e a Rádio Universitaria do Minho (Braga). Na iniciativa participaron medios profesionais como Radio Allariz, Radio As Nogais, Radio Burela, Radio Tui e Radio Afifense (Portugal), así como máis dun cento de centros educativos da eurorrexión, con arredor de 2.000 estudantes.
A implicación da xuventude nesta actividade é a continuación da labor que «Ponte… nas ondas!» leva facendo durante 27 anos, promovendo de forma pedagóxica o emprego da radio nas escolas. Unha visión que pretende construir unha rede de persoas, escolas, universidades e institucións para poñer en valor o patrimonio inmaterial galego-portugués.