Galicia e Portugal participan no proxecto «CAPTA» para preservar a costa e loitar contra o cambio climático

O proxecto, liderado por Galicia a través do Observatorio Costeiro da Xunta, busca establecer sumidoiros naturais de carbono na costa

Comparte el artículo:

O Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia forma parte do novo proxecto europeo «CAPTA», que, coordinado polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, traballa pola mellora da resiliencia costeira na Eurorexión Galicia-Norte de Portugal. Este proxecto establecerá as bases para o desenvolvemento futuro de políticas e instrumentos de planificación conxuntas na eurorexión que faciliten acadar a neutralidade climática.

Na reunión de lanzamento en Vigo participaron a directora do Cetmar, Paloma Rueda, e a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez. Na sesión destacouse a relevancia da iniciativa, que axudará a identificar novos indicadores ambientais para sistemas de alerta nun escenario de cambio climático, e a aplicar metodoloxías comúns para a análise dos fluxos de CO2 e a captación de carbono azul na costa. «CAPTA» contribuirá, ademáis, a identificar as principais ameazas e riscos climáticos na zona costeira e a difundir o valor da cooperación transfronteiriza como apoio para unha mellor adaptación e resiliencia ao cambio climático, implicando especialmente á poboación máis nova nestas accións.

Con un orzamento de 1,67 millóns de euros e cofinanciado polo programa de cooperación Interreg España-Portugal (POCTEP) e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), «CAPTA» permitirá a creación dun marco de cooperación transfronteiriza en espazos costeiros. O obxectivo é facilitar procedementos homoxéneos e información comparable sobre riscos climáticos, permitindo accións conxuntas e avaliando o papel que prestan os ecosistemas litorais como sumidoiros de carbono mediante o uso de novas tecnoloxías, como satélites, vehículos aéreos non tripulados ou redes neuronais, entre outras.

Noticias Relacionadas