Investigadores do proxecto transfronteirizo «Life Reforest» logran reducir un 80% a erosión dos solos

O lume ten un gran impacto nos países do sur de Europa, principalmente en Galicia, onde se rexistran un 50% dos incendios de España; e en Portugal, sendo o país máis afectado do continente

Comparte el artículo:

Os investigadores do proxecto transfronteirizo «Life Reforest» lograron reducir un 80% a erosión dos solos. Este proxecto, financiado pola Comisión Europea no marco do «Programa LIFE», naceu en 2018 co obxectivo de mitigar a erosión e perda de solo nas zonas afectadas por incendios forestais. Para iso, comezouse a traballar nun sistema baseado na aplicación de micotecnosolos compostos de residuos orgánicos e especies fúnxicas.

Life Reforest desenvolveu os seus traballos mediante probas piloto en dúas das áreas europeas máis afectadas polos incendios forestais (situadas no noroeste peninsular; nos montes de Nespereira, Albergaria-a-Velha e Penouços). O estudo partiu do gran impacto que o lume ten nos países do sur de Europa, principalmente en Galicia, onde se rexistran un 50% dos incendios de España; e en Portugal, sendo o país máis afectado do continente. Unha situación que deteriora gravemente os solos, o que se suma ás consecuencias ambientais que o cambio climático xa está a xerar no territorio.

Tras todo este tempo de traballo (36 meses), os investigadores do proxecto acaban de presentar os resultados definitivos, os cales resultan esperanzadores. E iso que necesitaban alcanzar unha porcentaxe de redución da erosión relativamente alta e efectiva, xa que é necesario que esta redución se aplique antes das primeiras choivas tras un incendio (para evitar que se arrastren as cinzas). Algo complexo, xa que as precipitacións son cada vez están máis desestacionalizadas.

A resposta a todas estas preguntas foi creación de micotecnosolos, que lograron reducir a erosión do terreo entre un 70 e un 80%. Un sistema de «mangas tubulares biodegradables cargadas con residuos orgánicos, estabilizados e inoculados con fungos; permitindo reter a estrutura e promover a recuperación natural».

No proxecto participou un consorcio internacional integrado por entidades de España e Portugal, no que está a Asociación Forestal de Galicia (AFG); a Asociación Forestal de Portugal (Forestis); empresas privadas dedicadas a achegar  biosolucións como  Hifas da Terra, TEN – Tecnosuelos e  Indutec Ingenieros; ademais de dous centros de coñecemento referentes como o Centro de  Estudos  do Ambiente e  do mar (CESAM) da Universidade de Aveiro, e o CETIM, Centro Tecnológico de Investigación Multisectorial, que coordinou as actividades.

Noticias Relacionadas