O 4 de xuño celebrouse o foro «O turismo na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal» no Club Náutico de Sanxenxo, organizado pola Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP). Neste evento reuníronse representantes empresariais de ambos lados do Miño para analizar a situación do sector turístico na eurorrexión, e facer propostas para unha actuación conxunta e diferenciada. O presidente da CEP, Jorge Cebreiros, ratificaba a importancia de «afrontar xuntos todos os desafíos que representa a pandemia neste sector»; reafirmando o seu convencemento en que as solucións chegarán «a través da cooperación transfronteiriza e da estreita colaboración público-privada».
Alberto Núñez Feijóo destacou o compromiso da Xunta por facer de Galicia un territorio seguro e acolledor, e lembrou que é a terceira comunidade con maior demanda turística de España. O presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte, António Cunha, aludiu á necesidade de «explorar proxectos de investigación e transferencia de coñecemento no sector turístico, centrados nas industrias culturais e creativas, e na mobilización de recursos naturais e patrimoniais».
Reforma da estratexia turística
O sector turístico precisa dunha importante reforma; dunha nova estratexia para lograr atraer e consolidar visitantes. Esas foron as conclusións dos participantes neste foro; sendo conscientes de que un dos grandes desafíos do turismo para Galicia e o Norte de Portugal é a estacionalidade. Por iso, para mudar esta realidade, destacáronse as singularidades que ofrece o territorio máis aló da época estival, como é a gastronomía, o enoturismo, o deporte… onde se ten claro que hai que apostar pola integración tecnolóxica. Unha maior proxección en redes sociais e emprego cualificado previa formación comunitaria, tamén foron temas que protagonizaron os debates, ademais da necesidade de infraestruturas.
Xacobeo 21-22
Todas as persoas presentes no foro coincidiron na oportunidade que supón a celebración do Ano Santo 21-22 para a reactivación económica e social, cun turismo de peregrinaxe natural e de calidade. Feijóo resaltou o apoio que a Administración está dando ás rutas portuguesas, mediante diversas inversións nos itinerarios e cunha axenda cultural moi completa. Así, entre as actividades programadas con Portugal para o Xacobeo, destacan: unha unidade móbil para difundir este acontecemento en Oporto e Braga; a celebración dun Cumio Ibérico en Galicia; a presentación do Xacobeo en Lisboa e Oporto; a celebración da I Xornada internacional de Estudos Jacobeus en Coímbra, e o desenvolvemento da asemblea extraordinaria da Federación Europea dos Camiños, que terá lugar en territorio luso.