Naceu AMEGA, a Asociación Mundial de Empresarios Galegos. A organización, que se acaba de presentar oficialmente o 29 de xullo na Toxa, reúne a máis de mil compañías de diferentes agrupacións do mundo hispanoluso [AEGAP (Portugal); UMEGAL (México); AEGARD (República Dominicana); AEGU (Uruguai); AEGA (Arxentina), AEGASP (Brasil); AEGARE (Aragón); AEGA-CAT (Cataluña); AEGAMA (Madrid), e AEGUSA (Estados Unidos)]. Os seus obxectivos baséanse en fortalecer os valores de «galeguidade, internacionalización, innovación, excelencia, calidade e confianza», recuperando as súas orixes locais e compartindo sinerxias.
O secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, destacou no evento de presentación a importancia da unión: «Aos galegos, cando nos xuntamos para traballar, nada hai que nos pare», asegurou ante os empresarios galegos no exterior. Tamén se fixo fincapé en Galicia como un destino seguro para os investimentos, e nas oportunidades que os próximos Xacobeos (anos 27 e 32) van supoñer para a comunidade.
AMEGA contará cunha bolsa permanente de proxectos de negocio para que empresas emerxentes poidan recorrer a eles. De feito, no evento asistiron investidores privados, e desenvolvéronse conferencias e unha mesa redonda para a iniciación de contactos. Baixo a intención de crear riqueza, as compañías de raíz galega en Europa e Latinoamérica buscan establecer alianzas e impulsar operacións con esta iniciativa.
O primeiro encontro de empresarios galegos no mundo celebrouse en 2014 por iniciativa de AEGUSA, pero xa en 2005 AEGA-CAT celebrara un formato similar en Barcelona. Con todo, dende 2014 este tipo de reunións viñeron celebráronse no mes de agosto en Santiago de Compostela, ata esta edición, que se desenvolveu na Toxa.