A alta velocidade chega a Galicia

Tras 16 anos de obras e ao redor de 10.000 millóns de euros, o AVE a Galicia foi inaugurado

Comparte el artículo:

A alta velocidade chegou ao norte da península ibérica. Tras varios atrasos, o Rey Felipe VI, xunto aos presidentes do Goberno de España e da Xunta, e a outras autoridades autonómicas e municipais, asistiu á viaxe inaugural do AVE a Galicia. En concreto, púxose en funcionamento o último tramo (e máis complexo) que quedaba pendente, entre Pedralba de la Pradería (Zamora) e Ourense, con 119,4 quilómetros de lonxitude. Só este último traxecto, necesitou a construción de 30 túneles e de multitude de viadutos para salvar a complexa orografía do terreo.

O AVE a Galicia é unha colosal obra de enxeñería que tardou dúas décadas en materializarse, cun custo total que rolda os 10.000 millóns de euros. Grazas á apertura desta liña, o tempo de viaxe entre Madrid e Ourense será agora de 2 horas e 15 minutos; a Vigo de 4 horas e 16 minutos; a Santiago de 3 horas e 20 minutos; á Coruña de 3 horas e 51 minutos, e a Lugo de 4 horas e 46 minutos. Lonxe quedan as máis de 30 horas da primeira viaxe entre Madrid e Galicia, en 1882. Uns tempos que se reducirán en 20 minutos coa futura chegada dos trens da serie 106 de Talgo.

Finalmente, Renfe será a única compañía operadora, aínda que se espera que Ouigo e Ilsa adapten os seus trens e entren ao mercado proximamente. O obxectivo é que a cota de viaxes entre Madrid e Galicia chegue a ser do 50% en medios ferroviarios (fronte ao 20% actual).

Intermodalidade en Galicia e saída sur cara a Portugal

Galicia conta con varias infraestruturas para a chegada da alta velocidade. Pontevedra e Vigo xa dispoñen de terminais adaptadas, mentres que os proxectos de Ourense, Santiago, A Coruña e Lugo levan un grao de execución e tramitación desigual (co 2024 como horizonte). Aínda así, non todas as cidades terán acceso directo á alta velocidade. É máis, hai moitos proxectos pendentes. Por exemplo, non se concluíu a modernización dos 117 quilómetros entre Lugo, Monforte e Ourense (unha vía do século XIX). Ferrol, pola súa banda, non está conectada ao AVE, senón que necesitará un «baipás» con Betazos. Ourense tamén necesita a variante por Taboadela para sacar do centro da cidade o paso de determinados trens.

Vigo é un eixo estratéxico para conectar a toda a península ibérica. Nestes momentos, xa se están realizando estudos para a saída sur cara a Portugal (Vigo-Oporto-Lisboa). O Goberno de España manifestou que se trata dun «proxecto prioritario», pero non está claro cando estará en funcionamento (fálase de 2030). Para iso, será necesario construír un túnel polo centro da cidade, aínda que están sobre a mesa outras opcións.

Noticias Relacionadas