Marisa Monte, unha das figuras musicais do Brasil máis relevantes das últimas décadas, actuará en Galicia por primeira vez en solitario. O Teatro Afundación de Vigo acollerá o concerto da cantante brasileira o próximo 26 de xuño, dentro da programación do «Ciclo Xacobeo Importa». As entradas están xa á venda en «Ataquilla».
O Xacobeo 2022 desenvolveu un ambioso programa musical, no que recoñecidos artistas (máis de 50) irán actuando polas cidades galegas. Unha destas artistas é Marisa Monte, que realizará unha xira cun «show» propio polas principais capitais europeas (Londres, París, Lisboa…), xunto ás súas tres actuacións en España (o «Festival Porta Ferrada» en Cataluña, «Noches del Botánico» en Madrid e o concerto do Teatro Afundación en Vigo).
Marisa Monte logrou vender máis de 15 millóns de discos en todo o mundo, gañando catro «Grammy» latinos. Tras a súa andaina co grupo Tribalistas, en 2021 publicou «Portas», o seu primeiro disco en 10 anos, no que mestura pop, bossa nova, valse carioca, soul… en colaboración con artistas de renome como Arnaldo Antunes, Nando Reis, Marcelo Camelo ou Jorge Drexler. Na súa xira, Marisa Monte fará un repaso do seu repertorio, combinando sons brasileiros clásicos e contemporáneos.