A plataforma dixital «Eurocidade Online» xestionará os servizos transfronteirizos entre Vila Nova de Cerveira e Tomiño

Un novo modelo de xestión de servizos e equipamentos entre países ábrese paso na Unión Europea

Comparte el artículo:

A Eurocidade Cerveira-Tomiño acaba de presentar, dentro da súa estratexia de colaboración transfronteiriza, unha plataforma tecnolóxica para a xestión de servizos e equipamentos públicos entre ambas localidades. O obxectivo é lograr, xa non só unha xestión rápida, sinxela e eficiente dos recursos da eurocidade, senón crear un sentimento compartido; unha verdadeira conciencia de sociedade integrada, e obxectivos comúns a ambas marxes do Miño. Esta canle dixital estará dispoñible nun mes.

Na presentación estiveron o alcalde cerveirense e a alcaldesa de Tomiño, que consideran que é o primeiro paso dun proxecto piloto que se seguirá desenvolvendo; engadindo funcións, e que evitará duplicidades, có consecuente aforro de recursos para realizar máis investimentos públicos noutros ámbitos. Xunto a eles, foron moi aplaudidas as declaracións da ministra de Cohesión Territorial de Portugal, Ana Abrunhosa, que sinalou que «a Eurocidade Cerveira-Tomiño é dos mellores exemplos que temos de cooperación transfronteiriza», e que este traballo precursor debe servir «de inspiración a todos os municipios de fronteira».

Destaca a elección da piscina municipal de Vila Nova de Cerveira como centro de presentación polo seu transfondo, xa que é dos servizos públicos máis representativos no uso diario que fan as poboacións da zona. Alí expuxeron o funcionamento da plataforma, que prevé ir sumando ás entidades que ofrezan servizos no territorio. Cofinanciada polo «INTERREG V-A», o sistema contará con dous apartados, «Recursos» e «Eventos», a través dun acceso universal e seguro.

Tarxeta eurocidadá

Simultaneamente a esta plataforma tecnolóxica, tamén se presentou a tarxeta da Eurocidade Cerveira-Tomiño, a fin de facilitar o acceso electrónico a todos os cidadáns. A tarxeta conta con dous perfís de uso, tanto de residentes como de non residentes. Trátase dunha identificación que se suma ás presentes noutras eurocidades, como en Chaves-Verín ou no Guadiana. Este tipo de documentos son moi importantes, pois asentan un modelo administrativo de eurocidade plenamente interoperativa.

Noticias Relacionadas