Allariz (Ourense) acollerá o sábado día 4 a III edición da Feira dos Produtos Apícolas. Un evento organizado pola Asociación Galega de Apicultura (AGA) e o Concello de Allaríz, que tratará de converter a esta feira nunha referencia ibérica no sector. O obxectivo principal desta iniciativa é dar a coñecer o valor gastronómico do mel e as súas múltiples aplicacións.
A edición deste ano, que será na Praza do Matadorio en horario de 10 a 14 horas, e de 17 a 20 horas, será especial pola súa variedade, xa que participarán múltiples postos de Galicia e Portugal. Nela, os apicultores locais poderán mostrar os seus productos, tanto en cosmética como en bebidas, entre outros; todos eles xerados a partir do mel. Tamén se anunciou a degustación de meles cinco estrelas dentro do programa de apiturismo do Xacobeo 2021-2022.
Non é a primeira vez que AGA e o Concello de Allariz colaboran, xa que durante o ano celebran o «Día da Abella», ademais de realizar cursos de formación e visitas turísticas. Con isto, non só se quere fomentar a economía sostible, senón que se queren dar a coñecer os beneficios do mel, tanto na regulación do azucre en sangue, como na redución da tensión, a mellora do soño e as súas propiedades rexenerativas na pel.