As illas do Miño: Salvaterra quere construír unha ponte colgante a Fillaboa

O municipio galego de Salvaterra de Miño fíxose coa titularidade da illa de Fillaboa para conservar a súa biodiversidade e achegala aos cidadáns

Comparte el artículo:

O tramo que España e Portugal comparten no río Miño ten 14 illas. Mentres que as illas de Amores; Boega; Lenta; São Pedro e Conguedo son consideradas territorio portugués; as illas de Canosa; Morraceira do Grilo; Morraceira das Varandas; Vacariza e Fillaboa están atribuídas a España; e o resto son internacionais. Uns territorios de difícil acceso, que acolleron no pasado actividades de cultivo e pastoreo, pero que seguen estando no centro de atención. Na última década, mesmo se chegaron a deseñar proxectos turísticos como un campo de golf en Boega, pero o réxime de especial protección ambiental impón controis moi estritos para materializar estas iniciativas.

Un caso moi característico atopámolo na illa de Fillaboa, de 110.000 metros cadrados, e próxima ao municipio portugués de Monção, que foi adquirida por 300 mil euros polo Concello de Salvaterra no ano 2010. Ata entón, era unha illa pertencente a unha empresa privada, pero agora é unha illa de titularidade pública, incluída dentro da Rede Natura 2000.

O proxecto de Fillaboa, paralizado estes anos, recuperou forza nos últimos meses pola iniciativa da alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, de construír unha ponte colgante (de 163,5 metros de lonxitude) como pasarela de acceso á illa. De feito, Valcárcel reuniuse recentemente coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, para presentarlle diferentes proxectos estratéxicos, entre os que se atopa o de Fillaboa, e así tentar acceder aos fondos de recuperación europeos.

A rexedora asegura que, ademáis das visitas programadas en barco que xa se están xestionando, permitiríase abrir a illa á cidadanía e lograr un coidado máis continuo da mesma. É máis, asegúrase que grazas ao centro de interpretación que existe nela, lograríase potenciar o valor «didáctico e pedagóxico» desta área natural. E non só iso, senón que tamén se beneficiarían os pescadores da zona, ao ter un emprazamento seguro para organizar a súa actividade. Tamén se presentou unha memoria para a recuperación do recinto amurallado (humanización, restauración de empedrado e soterramento de liñas), có propósito de dar impulso ao patrimonio histórico cultural da localidade.

Noticias Relacionadas