Galicia presenta o Xacobeo 21-22 en Portugal

Os camiños portugueses acapararon este ano o 22% do tráfico total de peregrinos, con case 30.000 persoas rexistradas

Comparte el artículo:

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu este martes día 28 ás adegas Caves Calém, en Vila Nova de Gaia (Oporto), para presentación do Xacobeo 21-22 en Portugal. Un acto no que non só se destacou o valor do patrimonio ibérico, senón que se ensalzaron as rutas xacobeas como «un reclamo de éxito para os negocios». Hai que ter en conta, que o Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa sumaron este ano 30.000 peregrinos, o 22% do total. É a segunda ruta máis concorrida, tras o Camiño Francés.

Alfonso Rueda estivo acompañado da directora do Taller de Turismo de España en Lisboa, Yolanda Martínez Tubo-Cortés; o presidente da Comunidade de Traballo da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal; o presidente da CCDR-Norte, António Cuña, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. Os participantes mostraron a súa satisfacción polos bos datos turísticos do verán; sendo o Xacobeo un dos motores da recuperación económica, tanto para Galicia e as comunidades autónomas polas que pasa o Camiño, como para o Norte de Portugal.

Símbolos e proxectos transfronteirizos

A continuación da presentación, colocouse o primeiro «hito» do Camiño de Santiago en Portugal, na praza da Sé de Oporto. Coa instalación deste símbolo en Portugal, a Xunta de Galicia dá continuidade á iniciativa «Símbolos Xacobeos no mundo», que xa expandiu a marca xacobea por outros lugares como Cracovia; Glasgow; Buenos Aires; Río de Janeiro; Lorient; Pistoia e Madrid.

Tamén se fixo mención ao proxecto de cooperación transfronteirizo «Facendo Camiño», que conta co cofinanciamento do INTERREG VAI España-Portugal. O obxectivo principal deste plan é consolidar as rutas do Camiño de Santiago na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, mediante o uso sostible dos recursos; aproveitando o potencial económico e fortalecendo a identidade eurorrexional.

Noticias Relacionadas