Os cidadáns e visitantes da Eurocidade Tui-Valença poderán disfrutar, do 19 ao 26 de agosto, dos concertos e actividades da 10ª edición do Festival IKFEM. No evento estarán presentes artistas e estilos moi diferentes (pop, rock, música clásica, barroca, electrónica, fado e flamenco), con 15 concertos e varias actividades, que se desenvolverán en puntos históricos da eurocidade. A entrada aos concertos será gratuíta ata completar o aforo.
A programación contará con actuacións moi chamativas, como o concerto do Carrillón LVSITANVS, un instrumento musical con 63 campás, que realizará unha homenaxe á música ucraína, brasileira e portuguesa. Tamén o espectáculo de «Il Grande Piano», unha combinación de acrobacia e música nun teclado xigante, ou o «Xacobeo Bridge», que consiste nunha performance con dez pianos que se instalarán na antiga ponte internacional.
Esta celebración, que se remota á creación da eurocidade miñota no ano 2012, promóvese dende as asociacións española e portuguesa Xuventudes Musicais Eixo Atlántico e Juventude Musical Eixo Atlântico, e conta co apoio institucional a ambos os lados da «Raia». É considerado o primeiro festival transfronteirizo de España e Portugal, e foi finalista nos «Iberian Festival Awards», formando parte do programa Mostra Espanha, organizada pola Secretaría de Estado do Ministerio de Cultura. Por aquí xa pasaron máis dun centenar de artistas, grupos e orquestras de renome mundial, pero tamén referentes do mundo do cinema, a gastronomía ou a moda.