«Vigo Porté 2021» regresou en modo presencial, con máis de 500 bailaríns de distintas escolas de España e Portugal. Os asistentes ao Auditorio de Beiramar, que acolleu a novena edición deste evento (dende o xoves 25 ao domingo 28 de novembro), puideron presenciar as coreografías que se presentaron ao Trofeo de Baile Internacional «Vigo Xacobeo 21-22».
Javier Castillo «Poty», presentador e presidente do xurado, estivo acompañado de destacados actores, profesores, bailaríns e coreógrafos para avaliar as distintas presentacións artísticas. No acto tamén estiveron presentes membros do Goberno galego, como a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, que reiterou o compromiso do executivo para seguir mellorando este certame e reter talento na comunidade. Castillo mostrou o seu convencemento de que se trata dun dos eventos de danza máis importantes de Europa.
As diferentes disciplinas nas que se podía competir foron: clásica; lírica; folclore, urbana; fusión; musicais e bandas sonoras. A Escola de Danza «Open Dance School» (Portugal), coa súa coreografía «Write my Narrativa», logrou o premio na categoría junior/ absoluta. Pola súa banda, a Escola Ballet de Galicia (Concello de Marín) resultou gañadora da categoría mini/ infantil coa danza «Irrompible».
Páxina web: www.vigoporte.com