O centro de innovación «CTIC RuralTech» de Peón (Villaviciosa) acolleu o «I Encontro de Aldeas do século XXI». Un evento ao que acudiron diferentes expertos e representantes do Goberno de España e das comunidades asturiana, cántabra e galega; así como da Administración portuguesa, ademais de asociacións de veciños da zona. O obxectivo foi analizar «o papel das aldeas na xestión do territorio; da biodiversidade; da paisaxe; das enerxías renovables ou da produción local de singularidades gastronómicas de alto valor engadido». As xornadas foron financiadas pola Secretaría Xeral para o Reto Demográfico e do Principado, no marco da Rede Asturiana de Desenvolvemento Rural (READER) e do proxecto «Aldea 0».
O subdirector de Movilidade de Terras da Xunta de Galicia, Alejandro Sánchez de Dios, falou sobre as aldeas modelo recollidas na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia como figura para dinamizar a economía e fixar poboación no rural. Puxo de exemplo as 19 aldeas modelo que xa están aprobadas na comunidade, as cales teñen unha clara vocación territorial, en canto ao coidado natural e a anticipación aos incendios forestais. Tamén fixo mención aos «Espazos agrarios de experimentación», enfocados en desenvolver novas actividades no sector primario das aldeas. Actualmente existen máis de 500.000 hectáreas de terra agraria en Galicia sen aproveitar.
A participación de Galicia e Portugal é significativa por ser dous territorios cun crecente despoboamento, o cal se está tratando de paliar mediante a concesión de axudas para emprendedores rurais e subvencións para a compra e rehabilitación de vivendas en aldeas. Ademais, nas zonas fronteirizas están a porse en marcha proxectos industriais e académicos para lograr atraer talento e proporcionarlle oportunidades á mocidade, así como investimentos para potenciar os recursos turísticos e construír novas infraestruturas (con especial atención aos trens de proximidade).