O proxecto «Migra Miño» pode gañar o «Premio Natura 2000». Unha distinción convocada pola Comisión Europea para recoñecer ás iniciativas destinadas a protexer e restaurar os ecosistemas naturais. Migra Minho, cos seus traballos de conservación natural, logrou ser finalista na categoría de Cooperación Transfronteiriza (entre 40 proxectos diferentes).
Este proxecto de colaboración entre Galicia e o Norte de Portugal busca mellorar o estado de conservación dos hábitats fluviais e das principais especies migratorias de peixes do Miño (o salmón, a anguía, a troita e a lamprea). Tamén poñer en valor a pesca tradicional e contribuír ao desenvolvemento socioeconómico transfronteirizo.
O ámbito de intervención de Migra Minho abarca cinco espazos Rede Natura 2000; sendo dous deles en Galicia (Zona de Especial Conservación Baixo Miño e ZEC Río Tea), e tres en Portugal (Río Miño, Como do Bico e estuarios dos ríos Miño e Coura). As actuacións están centradas no tramo internacional do Miño, dende o encoro de Frieira (Ourense) ata a súa desembocadura.
O proxecto gañador desta categoría (cinco en total) darase a coñecer o próximo mes de maio en Bruxelas. Os cidadáns da Unión Europea tamén poderán elixir, entre todos os proxectos finalistas, ao gañador do «Premio da Cidadanía Europea», a través dunha votación pública que estará aberta ata o 27 de abril.