Os Centros de Estudos Galegos en Portugal unen forzas para impulsar as relacións culturais ibéricas

A Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta presentou o libro «Galiza e(m) nós», que recompila doce estudos sobre a relación cultural e histórica entre Galicia e Portugal

Comparte el artículo:

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acudiu á presentación do volume Galiza e(m) nós. Estudos para a compreensão do relacionamento cultural galego-português no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela. Unha iniciativa levada a cabo polos tres Centros de Estudos Galegos da Xunta activos en Portugal. No acto tamén participaron os tres editores do libro: Carlos Pazos-Xusto, profesor da Universidade do Minho; María Jesús Botana Vilar, profesora da Universidade do Algarve, e Gabriel André, profesor da Universidade Nova de Lisboa. A presentación foi seguida en liña dende Portugal.

O libro está formado por doce estudos que buscan «entender as relacións culturais e históricas entre Galicia e o mundo lusófono, co obxectivo de visibilizar textos e autores portugueses que abordan unha temática galega». Neste sentido, Valentín García destacou o nacemento do proxecto como a primeira iniciativa colaborativa dos Centros de Estudos Galegos presentes en Portugal: o Instituto de Letras e Ciências Humanas da Universidade do Minho; o Centro de Estudos Galegos da Universidade do Algarve; e o Centro de Estudos Galegos da Universidade Nova de Lisboa.

Con esta recompilación, que se divide en catro bloques con textos de diferentes autores, búscase unir forzas para darlle visibilidade ás perspectivas e áreas académicas galego-portuguesas. Un obxectivo que pasa, segundo os editores, por traballar máis coordinados a nivel lingüístico e por aumentar os proxectos de cooperación. O libro publicarase a nivel nacional en Portugal, pero está dispoñible de forma gratuíta a través da páxina web da Universidade do Minho.

Noticias Relacionadas