O campamento romano máis grande e antigo: entre Galicia e Portugal

Un grupo de expertos descubriu, grazas a unha tecnoloxía pioneira, o recinto militar romano máis grande e antigo do norte peninsular, datado no século II a. C.

Comparte el artículo:

O colectivo de investigadores «RomanArmy» descubriu, grazas a técnicas de teledetección, o campamento romano «Lomba do Mouro», situado na localidade de Melgaço (Portugal), nunha zona granítica a 1.416 metros de altitude, no Parque Nacional da Peneda-Gerês, limítrofe con Galicia. Grazas a este achado en setembro de 2020, un equipo de científicos, liderados polo arqueólogo da Universidade de Exeter, João Fonte, estudaron durante meses o asentamento, dentro do marco do «Proxecto Finisterrae», financiado pola Comisión Europea.

Os resultados desta investigación, onde se utilizaron técnicas de luminiscencia para analizar os restos sedimentarios presentes nas ruínas (principalmente, cristais de cuarzo) concluíron que se trata dun asentamento erixido no século II a. C. Trataríase, pois, coas súas 20 hectáreas, do recinto fortificado máis grande e antigo do noroeste peninsular, e crese que foi utilizado nas primeiras campañas militares romanas no territorio de Gallaecia.

Segundo a información publicada no portal da Universidade de Exeter, estímase que puideron aloxarse alí 10.000 tropas, ao redor do monte Laboreiro, situado entre os ríos Lima e Miño, que hoxe en día son zona fronteiriza entre Galicia e Portugal. A súa construcción debeuse producir nos meses máis cálidos polas características atmosféricas do val, e seguramente non tivo un uso sostido no tempo. As súas dimensións e antigüidade desbancarían ao asentamento de Penedo dos Lobos, situado en Manzaneda (Ourense), có que o emperador Octavio Augusto puxo fin á conquista de Hispania. Lomba do Mouro sería temporalmente cen anos anterior ao campamento de Penedo dos Lobos.

Noticias Relacionadas