A Xunta de Galicia, en colaboración coa iniciativa «Eurocidade 2030», lanzou un Curso de iniciación ao portugués dirixido á mocidade (entre 18 e 30 anos). Esta formación, que se realizará en liña e de xeito gratuíto, busca facilitar a aprendizaxe da lingua portuguesa para mellorar a comunicación e a cooperación transfronteiriza entre Galicia e Portugal. O curso empregará unha metodoloxía flexible para adaptarse ás necesidades dos participantes.
No curso de iniciación ao portugués, os participantes aprenderán as estruturas fundamentais da lingua, como a correcta construción de frases, o uso de verbos en diferentes tempos e a pronunciación básica. Ademais, trataranse temas relacionados con vocabulario útil para situacións cotiás, como presentacións persoais, pedir información ou realizar compras. A actividade tamén se enfocará en comprender e usar expresións comúns en conversacións sinxelas, ao tempo que se exploran aspectos culturais de Portugal e da súa lingua. Despois das 75 horas de duración, os participantes terán o nivel básico 1 e básico 2 de portugués.
A «Eurocidade 2030» ten como obxectivo promover o entendemento cultural e social, reforzando os lazos económicos e educativos entre ambos territorios. Esta iniciativa permite preparar á mocidade para novas oportunidades nun contexto transnacional. O curso enmárcase dentro das actividades da Eurocidade, que traballa para lograr unha maior cohesión entre Galicia e o norte de Portugal, apostando pola creación dunha Eurorrexión forte e integrada cara ao 2030.